Visita ao Museo Provincial de Lugo
O alumnado de 3º ESO A visitou o Museo Provincial de Lugo na excursión que levamos anos organizando con dita institución. Despois de ler o libro “Contos do Museo” editado polo mesmo, o alumnado sempre visita as súas instalacións e exposicións durante unha xornada na que aproveitan para facer un percorrido pola muralla.
Entrega dos premios do Certame Literario Alberto Romasanta
O 16 de Maio celebrouse como cada ano a entrega dos premios do certame literario que celebramos conxuntamente os dous IES de Noia, “Alberto Romasanta”. Este ano encargouse da organización o IES Virxe do Mar, pois cada ano lle corresponde a un centro.
O acto comezou cunhas palabras do director, Xabier Castro, que remarcou a importancia de continuar con este certame ao longo de tantos anos xa, pois esta xa é a XIX edición. Así mesmo, continuou facendo unha semblanza da figura de Roberto Vidal Bolaño para a nosa cultura.
A entrega dos diplomas aos premiados alternouse con actuacións musicais a cargo do alumnado do centro, para rematar cunha adaptación dunha parte da obra Animaliños a cargo do grupo de teatro.
Obradoiro de arqueoloxía
Obradoiro destinado ao alumnado de 4º ESO, dirixido por unha arqueóloga da empresa Anta de Moura. O eixo central eran as vías romanas e para abordalo comezouse por unha explicación con axuda de proxeccións continuando co obradoiro en si, que constou de tres partes:
- Elaboración dun fragmento de vía romana con diferentes capas de materiais dentro dun recipiente.
- Elaboración dun miliario en barro coa correspondente inscripción.
- Comparación dos nomes antigos e actuais das localidades polas que pasaban as principais vías romanas galegas así como a distancia en millas e kilómetros.
Videopoemas EBI-Grundtvig
O alumnado de EBI que participa no proxecto Grundtvig 2012-13 titulado “Érase unha vez… en Europa”, baseado no estudo da Literatura, relatou aos grupos de 1º de Bacharelato e 4º da ESO, a súa experiencia como estudantes adultos que non tiveron a oportunidade de facelo no seu momento. Así mesmo expresaron como afrontan a lectura de textos literarios para traballar neste proxecto.
Para amosar o traballo que fan para asimilar as obras presentaron o vídeo do roteiro literario que fixeron en Outubro e outro sobre “ Cantares Gallegos” de Rosalía de Castro con fotos orixinais do alumnado.
Remataron ofrecendo unha primicia da obra teatral que están preparando para o curso que vén.
Exposición de libros
Ola, son Alex, hoxe fomos ao hall da entrada a ver libros. Se os queriamos para telos na Biblioteca, tiñamos que anotar nun papel os títulos. Eu elexín varios de Stephen Hawking. Parece un científico moi listo.
Alejandro Rey, 1º ESO.
O Conservatorio de música de Noia no instituto
Onte viñeron do Conservatorio uns profesores e algúns alumnos e tocamos algunhas pezas como a famosa danza húngara. Eu toquei ao piano unha canción chamada O vals da bolboreta.
Martín Arufe, 1º de ESO.
Vidal Bolaño no noso centro
Roberto Vidal Bolaño estivo no noso centro en Outubro do 2002 con motivo da entrega do Premio Leixaprén a Isaac Díaz Pardo.
Estas son algunhas das imaxes que recordan aqueles instantes tan especiais para nós pola presenza simultánea de dúas figuras tan significativas da nosa cultura que desgrazadamente xa non están con nós.
Gañadora dun Premio Minerva
A nosa alumna de 2º de Bach. Iria Iglesias Martínez acadou un flamante 3º premio na modalidade de narrativa nestes prestixioso certame que organiza o Colexio Manuel Peleteiro dende hai xa 41 edicións.
Este ano o mantedor do acto foi o dramaturgo Manuel Lourenzo que aproveitou para comentar algúns momentos da súa estreita camaradería con Roberto Vidal Bolaño, autor a quen se lle adica este ano o día das Letras Galegas.
O autor fixo ademais unha breve e fermosa disertación acerca das orixes gregas do teatro e do significado que debe ter na actualidade. Asegurou que é necesario para que unha colectividade se exprese sen censura e que nos tempos que corren é máis preciso que nunca pois con tanto aparello electrónico – matizou – xa nin hai diálogo.
Para el o teatro é unha metáfora completa, espazo e tempo recreados, amigo da paz e inimigo da violencia e da barbarie, partidario da imaxinación e da aventura.
Desexando aos premiados que conserven a liberdade e a paixón pola escritura deu paso á lectura dos fragmentos das obras premiadas na voz dos seus xoves autores e autoras.
Charla de Abraham Carreiro
Na charla de Abraham, o creador de Xoeliki, estivemos vendo como eran as personaxes do conto en realidade. Despois vimos un vídeo de como el facía para facer un libro. E vimos que había que pasar moito traballo para facer un libro como o de Xoeliki. Ao rematar o vídeo fixémoslle moitas preguntas e el respondeunas. Despois démoslle un forte aplauso.
Miriam Cambeiro Caamaño, 1º de ESO.
Taller de papiroflexia
O pasado venres 19 de Abril viñeron ao noso instituto dúas profesoras de Matemáticas, Teresa e Covadonga, a ensinarnos a facer papiroflexia. Fixemos un marcapáxinas, dúas figuras xeométricas e un lapiceiro que á vez é calendario. Foi moi entretido e grazas á papiroflexia aprendemos moitas formas xeométricas.
Blanca Lorenzo, 3º ESO